Novas
Cargando...
,

Acto de Graduación 2017

Share on Google Plus


O alumnado de último curso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este xoves o seu acto de graduación. Trátase de 61 novos titulados e tituladas do grao de Administración e Dirección de Empresas e 48 do grao de Turismo.

A VI promoción do grao en Turismo e a VII promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas festexou o remate dos seus estudos no Auditorio Municipal de Ourense, nun acto que contou coa asistencia de José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Marisol Díaz, delegada territorial en Ourense da Xunta de Galicia. Os padriños institucionais de promoción foron respectivamente Domènec Biosca, presidente da Asociación de Directivos e Expertos en Empresas Turísticas, e Ignacio Rivera, CEO de Hijos de Rivera. Os padriños académicos foron respectivamente os docentes Andrés Mazaira e Elena Gallego. 


Forxar un futuro

“Tras catro anos de formación, quero lembrarvos que isto non é un punto e final na vosa vida formativa, senón unha etapa nunha viaxe que apenas comeza. O título acredítavos unha formación superior que podedes, e debedes, ir consolidando e ampliando ao longo da vosa vida profesional. A facultade sempre estará aberta para todo o que necesitedes”, destacoulle Elena Rivo aos novos egresados e egresadas do centro, aos que animou “a emprender e a que sexades vos mesmos os que forxedes o voso futuro”. A decana tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para o profesorado e o alumnado do centro e para as entidades públicas e privadas que con el colaboran ao longo de cada curso académico.


Durante o acto tamén se fixo entrega dos premios extraordinarios fin de carreira concedidos polo Colexio de Economistas de Ourense aos mellores expedientes académicos do curso pasado. No grao de Turismo a galardoada foi Raquel Diéguez, no de Administración e Dirección de Empresas Alejandro Rodríguez e no de Consultaría e Xestión da Información Silvia Fernández. O Coro Universitario do Campus de Ourense e Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense foron as encargadas de pór o broche musical a un acto caracterizado pola emoción e a ilusión.


Entradas relacionadas

0 comentarios

Séguenos no Facebook